04 xullo 2022

VISITA DO CEIP ALBINO NÚÑEZ

O pasado luns, 20 de xuño, tivemos unha visita moi especial! Chegou a nós que no cole do Albino Núñez de Ourense, algúns compañeiros e compañeiras de Ed. Infantil, tamén estaban coñecendo a Van Gogh, así que invitámolos a ver a nosa exposición... e viñeron!

Foi un encontro cheo de sorpresas... porque con eles traían ao mesmo Van Gogh en persoa! Encantounos coñecelo e preguntarlle mil cousas! Tamén nos fixeron un agasallo chulísimo (un pin de "A noite estrelada"), e tivemos a oportunidade de contarlles todo o que aprenderamos sobre o artista e de amosarlles as cancións que sabemos sobre el.

Alumnado do CEIP Curros Enríquez preparado para "actuar"

Alumnado do CEIP Albino Núñez atento á "actuación"

Elas e eles tamén quedaron encantados de ver os nosos traballos e de poder meterse dentro do cadro de "A habitación".

Alumnado do CEIP Albino Núñez vendo "A habitación"

Van Gogh dentro do seu cadro "A habitación"

Agasallo que nos encantou
Encantounos coñecelos/as, e non podemos menos que agradecer ás súas profes que organizaran a visita para facelo posible. Quedamos con ganas de máis, así que para o vindeiro curso teremos que planear algunha outra actividade conxunta.

4º de Ed. Infantil posando con Van Gogh

5º de Ed. Infantil posando con Van Gogh

6º de Ed. Infantil posando con Van Gogh

Queredes ver máis fotos? Picade na icona 📷.

VAN GOGH A TRAVÉS DAS TIC: ROBÓTICA E CÓDIGOS QR

Dende a área de TIC tamén traballamos no proxecto de Van Gogh. Ademais de xogar no ordenador con cadros do artista, como vos contamos aquí, fixemos un par de actividades máis:

Na aula de 4 anos probamos a robótica! Tiñamos que manexar robots (escornabots) sobre paneis relacionados con Van Gogh. As nenas e nenos programan o camiño que fai o robot para chegar dunha casilla a outra. A experiencia resultou fenomenal e á rapazada encantoulle! Traballamos con tres robots, bautizados como: VINCENT, VAN e GOGH 😜




E outra actividade que fixemos foi grabar as nosas voces... e metelas en códigos QR! Os códigos QR son familiares para o alumnado porque están, hoxe en día, por todas partes e elas e eles ven como nais e pais os utilizan cos móbiles. Así que todo o alumnado de Ed. Infantil grabou algo que sabía sobre Van Gogh, de maneira totalmente libre, e a través desta web xeramos os códigos que logo colocamos na exposición. 

Tamén metemos en códigos QR a canción de Van Gogh, e algún signo en LSE (Lingua de Signos Española) relacionado co pintor. Os signos xa os traballaramos nas tres aulas aprendendo a signar a canción de Van Gogh, como vistes as familias na inauguración.

Deixámosvos unha mostra dos códigos QR, e picando aquí podedes acceder a un documento onde están todos os códigos que creamos (e onde podedes buscar á alumna/o que queirades para escoitalo).








Tamén en relación cos códigos QR, descubrimos nas aulas de 4 e 5 anos a aplicación Quiver, que nos permite descargar debuxos e ver como, escaneándoos dende a app, cobran vida! Foi unha experiencia moi chula que teremos que repetir!